Novo número do noso boletín informativo!

Está xa, en todos os fogares de Cuntis, o novo número do noso boletín informativo, o 9. Destaca por riba dos demais asuntos o reconto de facturas que o Concello de Cuntis paga a empresas e medios de comunicación sen o máis mínimo rigor nin criterio. No mes de marzo do ano pasado, o Grupo Municipal de Veciñanza solicitaba un informe detallado a respecto desta cuestión, para que os veciños e as veciñas de Cuntis puidesen coñecer o gasto público do concello nos conceptos de publicidade e propaganda. Ese informe non chegou, malia telo solicitado en varias ocasións máis.

No boletín informativo de Veciñanza, e nesta mesma web, botamos luz sobre esa ocultación deliberada por parte do grupo de goberno municipal. Case 50000 só durante o ano 2018 sen ningún tipo de criterio a respecto de audiencias, difusión, retornos, etc.

Tamén hai espazo para lembrar a exitosa mobilización dos veciños e veciñas e Cuntis en defensa do servizo de pediatría durante os meses de novembro de decembro.

Finalmente, repasamos os titulares principais do noso traballo durante o ano pasado, con referencia a aqueles proxectos e áreas nas que Veciñanza impulsou ou propuxo melloras, ideas e novas posibilidades. Se ben é certo que tiveron distinto grao de atención por parte do Grupo de Goberno, é motivo de orgullo o traballo realizado.

Veciñanza encara xa o exame de maio. Co aval de catro anos de oposición construtiva, en positivo, sen bloqueos, con proxecto e con equipo, somos a alternativa máis sólida.

Share

Tamén pode gustarche...